|
|
OUTONO 1973 |
|
||
|
|
Sabía que nese punto da miña vida, ía haber un antes e un despois. Atrás deixaba os meus anos de instituto, aos meus pais e as súas absurdas regras coas que me afundían unha e outra vez. A súa incomprensión ante todo o que me ocorría, ante as miñas ilusións e os meus proxectos. Mesmo o día que collín o autobús que me levaría á cidade, baixo unha choiva incesante, meus pais déronme en vinte minutos, cen mil consellos para protexerme de todos os males que habitan na cidade e no ser humano.- ¡Pero que saberían eles, se nunca saíran deste fodido lugar!. Pero en cambio, esquecéronse de desexarme sorte e darme unha forte aperta que verdadeiramente me provocara a seguridade precisa para comezar esta nova vida. Porque aínda que levaba dende que tiña uso de razón, agardando polo momento de abandonar a vila e marchar lonxe deles, tamén era certo que dar ese salto causábame auténtico pavor. Foi a mediados do último curso, cando xa a idea de marchar ía collendo forma, cando chegou case sen avisar ese sentimento de inseguridade que era novo para mín. Por suposto que non quería quedar como case todas as miñas compañeiras de clase, traballando na vila en algún supermercado ou almacén, agardándo que chegara algún príncipe azul do petróleo a liberalas do seu encerro. Pero o abismo que había entre a seguridade do coñecido ata agora e a aventura e o placer da invisibilidade da cidade, era grande e asustábame. Finalmente logrei concentrar todas as forzas precisas e saltar por riba das barreiras ao futuro desexado. Un inmenso maizal cheo de liberdade, noites, e soidade. Os primeiros meses na cidade foron intensos e desconcertantes. Atopei un pequeno apartamento vello, con algo de humidade, na parte sur, entre o campus e o río. Era moi antigo, pero moi ben amobrado e con moitas facilidades. No salón tiña dous grandes ventanais de madeira que daban a unha grande avenida con moito tráfico polo día, pero moi tranquila polas noites. A caseira era unha señora maior que o único que me pedíu foi que coidara ben del. Ao parecer, ela e o seu marido pasaran anos moi felices nesta casa, ata que el morreu. Despois de enterralo, tirou todo o que había no apartamento, mercou mobres novos e foise a vivir co seu fillo maior ao campo. A mín non me costaba nada cumprirlle a promesa, sempre fun unha rapaza moi organizada, iso si, dentro do que entendía eu por orde. Aparte diso, era moi barato e podía costexarmo cunha pequena parte da beca. De todas maneiras, creo que aínda que fose unha caixa de cartón ao lado do rio, estaría igual de orgullosa. A sensación de liberdade que me proporcionaba non era comparable a nada que tivese na vida. Prácticamente nunca estivera soa, máis de un ou dous días nos que marchaban meus pais a visitar aos meus avós. Eu sempre poñía a excusa dos estudios, e quedaba soa na casa. Era a gloria. Un par de días rexíndome polas miñas propias regras, ou mellor dito, pola ausencia delas. Sempre disfrutaba da soidade da casa como un regalo de nadal anticipado. Sen máis control que unha chamada de teléfono polas noites ou a visita da veciña preguntando se precisaba algo. Despois diso, eu era a raiña. A sensación de poder que me posuía, lanzábame a facer estupideces de todo tipo. Na ausencia dos meus pais, practicamente fixen todo o que quixen. Andaba pola casa revolvendo nas cousas de miña nai e probándome a súa roupa; fumaba os cigarros do meu pai mentras me daba baños interminables; paseaba espida pola casa cas cortinas abertas; tumbábame na cama e masturbábame varias veces ata quedar durmida. Todo o que se me pasaba pola cabeza sen prioridade nen orde algunha, a cousa máis estúpida que nunca fixera na casa, facía sen pensalo. Despois cando eles voltaban era como se despertase dun soño. Golpeábame duramente contra a realidade, a rutina e as regras. Agora todo era distinto. Realmente era eu quen manexaba o meu corpo e os meus actos, sen barreiras, sen límites. E así o fíxen. As primeiras semanas na cidade, prácticamente non saía da casa. Pasaba todo o día cambiando os mobres dun lado ao outro e decorando os cuartos ata deixalos ao meu gusto. Había días que cambiaba todo seis ou sete veces ata atopar o punto xusto de comodidade. Como ata finais de outubro non tiña que ir pola facultade, dispoñía de moito tempo libre. Paseaba pola cidade fixándome en todo como unha nena pequena nunha feira de atraccións. Sentábame nos parques a fumar cigarros mentras observaba a xente pasar. Pola noite chegaba a casa e as veces vía a televisión ou lía algún libro, pero iso era as menos veces. Normalmente o que facía era darme un baño moi longo de unha hora ou máis; despois apagaba as luces da casa, poñía algo de música baixa e fumaba un cigarro na fiestra deslumbrándome coa cidade nocturna. Unha noite, pouco antes de comezar o curso, abrín a porta da casa e quedei alí parada mirando ao interior. Fixeime no amplio salón cos dous ventanais, na cociña con restos de comida ao fondo, nas cores das paredes e na disposición dos mobres. E sobre todo no perfume que había na casa. Decateime que era a primeira vez dende que chegara, que me sentía parte disto. Xa non me vía a mín na casa, nas rúas da cidade. Eu era xa parte da casa, das rúas da cidade. Entón cerrei a porta e saín a vivir. |
|||
|
|
|
|
||