
MISERIAS
FELINAS EN CÉE
O primeiro que viron os meus ollos ao
nacer, foi un contedor verde de lixo que estaba situado detrás
da praza da alameda e o branquiña que era a miña nai. Meu pai non estaba no meu
nacemento, pois preñou a mamá e desapareceu. Algúns din que o atropelou un
coche no cruce de Roget, pero outros dín que o teñen visto pasear de madrugada
polas rúas de Corcubión. O que si que é seguro, é que non coñezo ao meu pai.
A miña infacia foi moi feliz, criáronme
entre miña nai e miña tia, que era branquiña como mamá pero algo máis gordiña.
Viviamos no contedor que estaba ao final da rúa da escola, ao lado do
polideportivo. Alí había dous bares que tiraban moitas sobras ao lixo, asi que
sempre tiñamos para comer. Case que todos os gatos sempre buscamos un contedor
que esté preto dalgún bar, pois alí nunca falta a comida. Hai outros que non
teñen tanta sorte coma nós é teñen que conformarse con algún contedor que esté
preto dalgunha casa rica que teña sobras dabondo que tirar ao lixo. Eses
contedores non son tan bos como os outros, pero é o que hai.
Podería dicir que nós eramos de casa rica.
Na rúa da escola tiña moitos amigos e pasábamos todo o día a correr polo patio do colexio, menos cando entraban ou saían os rapaces, que a rúa enchíase de coches e tíñamos que meternos no contedor a esperar que marcharan. Un día, Luke, que era o fillo dunha gatiña persa que vivia nas casas baratas, estaba a xogar con nós e cando soou a serea do colexio para que saisen os rapaces, non quixo esconderse con nós, e atropelouno un coche. Foi a primeira vez que vin un morto. Impresionarame moito.
Ao enterro, viñeron gatos de toda a vila. Gatos da armada, da praza, da calzada, e incluso de toba. Os nosos enterros eran un pouco especiais, colocábamonos todos xuntos nalgún sitio un pouco alonxado e escondido do cadáver e dende alí o velábamos ata que algún operario do concello ou algún veciño, levaba o corpo. Despois íamos marchando cada un para a súa casa. Así que cando vexades a moitos gatos xuntos nalgún sitio, é que estamos nun funeral, e non debedes facer ruido.
Aos catro ou cinco anos, non recordo moi ben, pasoume o peor que recordo na miña vida. Un día de inverno, preto do nadal, miña nai levoume con ela para coller a cea de noiteboa. Íamos ata a praza do mercado para intentar coller tres peixes e despois ata a pastelería da praza para buscar no contedor algo de postre.
Recordo que era un día moi chuvioso e ía bastante frio. A vila estaba chea de xente cos seus automóviles que realizaban as últimas compras do nadal. Miña nai díxome que a esperara na porta lateral do mercado, mentras ela ía a polos peixes. E así o fixen. Mentras agardaba por ela agochado baixo o motor dun coche que estaba aparcado, puxenme a miañar un vilancico moi bonito que me ensinara miña tia facía poucas semanas. Así estiven durante dez ou quince minutos, ata que de súpeto me pareceu ver a metade dun peixe no medio da estrada. Dubidei un pouco se ir por el ou non, pero finalmente decidín ir buscalo e darlle unha sorpresa a miña nai.
Saín de debaixo do coche e mirei para os dous lados da estrada, cando non pasaba ninguén, fun a por el. Ao chegar ata alí quedei moi decepcionado, pois non se trataba da metade dun peixe, senón dun calcetín de neno branco, que coas luces de nadal parecía un peixe. Desilusionado pola miña equivocación quedei alí mirando para o calcetín, ata que ocorreu todo...
Dous enormes focos achegábanse a grande velocidade contra min. As luces cegáronme ( que é o que pasa cando nos enfocan cos faros aos ollos) e impedíronme que me movera. Cando xa agardaba o momento do impacto, algo empuxoume contra un lado da estrada e golpeeime contra a acera.
Cando reacionei e mirei para a estrada, vin unha imaxe que me quedou grabada de por vida. Miña nai estaba tumbada, chea de sangue, coa súa mirada cravada no infinito. Ao seu lado tiña dous peixes grandes e frescos.
Quedei alí, inmóvil e sen saber que facer.Tiña ganas de chorar e berrar. Tiña ganas de correr detrás do coche ese e saltarlle á cara o conductor e arañalo ata matalo.
Pero non fixen nada, so quedei alí mirando para ela.
Un neno pequeno pasou da man da súa nai e dixo
- mira mama, un gato muerto, que asco!
Ao momento un home que traballaba no mercado e que xa nos botara outras veces de alí, achegouse cunha bolsa do lixo, meteu a miña nai dentro e botouna ao contedor. Non me puden nin despedir dela.
Dende aquel día odio o nadal.
Miña tia e máis eu, fomos a vivir a outro contedor que non estivera nunha estrada con tantos coches. O contedor estaba ao lado do instituto Agra de Raíces. Alí pasei toda a adolescencia ata que miña tia morreu unha noite de treboada de velliña.
Así que quedei só no mundo.
Ao pouco tempo coñecin a Carol, unha gatiña amarela que chegara de Muxía facía pouco tempo, fuxindo dun enorme gato negro que non facía máis que abusar dela.
Andabamos todo o día xuntos ata que nos namoramos e decidimos ir vivir xuntos. Eleximos un contedor amplio e cómodo situado na Calzada, que era unha rúa moi tranquila, excepto os sábados.
Alí pasamos toda a vida xuntos, observando como esta vila ía mudando pouco a pouco. Pasou de converterse nun pequeno e tranquilo sitio para vivir, a iste intento de cidade no que quere converterse, con máis tráfico do debido, con máis xente de ida e volta, con máis supermercados e centros comerciais que non teñen demanda que abastecer, en fin, olvidando as súas raíces, porque a súa beleza residia niso, no que era e non no que aspira a ser. Pero bueno, a prepotencia págase cara.
E dende este contedor da Calzada escribo estas líneas antes de que Carol e máis eu, marchemos en busca de un lugar máis tranquilo, con menos tráfico, onde poder vivir en paz.
Porque non o olvidemos, en realidade, neste mundo todos somos gatos.
|
UN RELATO DE SUSO BAHAMONDE |