Copyright © {año2002} {Suso Bahamonde}. Todos los Derechos Reservados.

 

 

 O primeiro que fixo X. ao erguerse foi mollar a cara cun pouco de auga no fregadeiro da cociña. Mirou pola fiestra cara ao deserto e observou como o sol ía saíndo pouco a pouco por atrás das Montañas Brancas. Parecía que hoxe ía facer un bó día, pensou.

Puxo un pouco de leite de cabra nun pequeno pote e prendeu o lume da cociña.

Todas as mañás erguíase ás seis para facerlle o almorzo ao seu fillo x. Dende que a súa esposa morrera, era el quen tiña que coidar de que o pequeno tivese de todo, dende a humildade dunha estraña familia obreira.

 Levaba todas as mañás a x a escola municipal para que tivese a educación que el nunca tivera.

 Pola tarde ía a recollelo e levábao un pouco ao parque para que xogara cos amigos ao futbol, mentras, el botaba unha partida de dominó cos amigos do barrio.

 Durante o tempo que x estaba na escola, X traballaba por horas nunha obra na parte sur da vila. O traballo conseguírallo o seu cuñado, que era concelleiro na vila e membro ilustre do partido. Polas noites X sempre  lle levaba ao seu fillo á cama un libro de contos que conseguira no mercado a moi bó prezo. O libro tiña moitas ilustracións e como X non sabía ler, inventaba historias a partir dos debuxos. Cada noite o pequeño x escoitaba diferentes relatos cos mesmos debuxos. Incluso cando o rapaz aprendeu a ler na escola, seguía preferindo que fora seu pai quen lle lera daquela maneira tan particular o libro de contos.

Así ían pasando os días para X e x naquela pequena vila iraquí.

 

Cando o leite de cabra comezou a ferver, X foi espertar ao seu fillo, para que almorzara.

-Veña pequeno que hai que ir a escola –dixolle o seu pai.

Sentados na mesa de madeira da cociña almorzaron mirando cara a fiestra.

-         Papa – dixo x – pola noite vasme ler outra historia do libro de contos?

-         Xa veremos, depende do moito que estudies hoxe.

-         Vou a estudiar moito, papa! – dixo x excitado.

-         Está ben, asi me gusta. Se estudias moito esta noite contareiche a historia do neno que quería aprender a voar.

-         Si,si!- berrou x ilusionado.

 

Quedaron en silencio mirando para as montañas pola pequena fiestra da cociña.

De súpeto unha intensa luz achegouse dende o horizonte en direción á casa de X e x. Cada vez máis preto, ía collendo velocidade e facendo un ruido ensordecedor. Os dous quedaron cravados no seu asento mirando o un para o outro .

-         Papa,teño....

 

Cando o fume da explosión comezou a disiparse, no lugar onde se erguía a casa de X e o seu fillo, tan só quedaban agora ferros retorcidos, cristais esnaquizados, humildes mobres que segundos antes adornaban a cociña agora envoltos en lapas.

 Foise apoderando do ar un silencio sepulcral como cando queda valeira unha gardería despois de marchar os nenos. Todo impregnado dun incesante cheiro a carne queimada que subía dende o chan e íase perdendo no ceo.

Tan só se podía diferenciar entre todos os escombros, un libro de contos, aberto de par en par, nunha páxina cunha ilustración de cor azul, dun neno pequeno aprendendo a voar...

 

                       

 

                                       Un relato de Suso Bahamonde                                               

 Outros relatos do mesmo autor

"Miserias Felinas en Cee"

 

 

danos a túa opinión sobre este relato