Miguel Vázquez Freire                        Miguel Vázquez Freire
Corcubión (A Coruña), 1951

Estudiou Filosofía e Letras nas universidades de Santiago de Compostela e Complutense de Madrid, licenciándose na especialidade de Filosofía. Entre os anos 1971 e 1979 traballou en Madrid, como profesor de imaxe na empresa privada SOAP, como educador nunha gardería, e finalmente como codirector da colección de libros infantís "Escocuentos", editada por ESCO. Na actualidade é profesor de Filosofía no Instituto de Bacharelato Eduardo Pondal de Santiago de Compostela.
É codirector da Colección "Merlín" de Edicións Xerais de Galicia desde a súa creación e Presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX). Colabora como crítico e comentarista de literatura infantil en numerosas publicacións, entre outras, na Revista Galega de Educación (da que forma parte do Consello de redacción), Cuadernos de Pedagogía, CLIJ, El Urogallo e nas páxinas culturais e educativas de La Voz de Galicia e Faro de Vigo.
Foi Premio Camiño de Santiago 1993 de Teatro de monicreques pola obra A princesiña Socorro, o trobeiro carolo e o demo dos cornos, escrita en colaboración con Gloria Sánchez. A mesma obra foi nominada cun accésit no concurso Camiño de Santiago 1994 para Teatro Escolar.
Bibliografía: Proxecto pomba dourada (Vía Láctea, 1987); As aventuras do Gato Bógar (Colección "Merlín", Xerais, 1989); A malvada María Xosé (Colección "Merlín", Xerais, 1989); Nietzsche (Xerais, 1990); Marabillas e milagres de Álvaro Cunqueiro (Xerais, 1991); "O rapaz que non quería ser heroe nin sabía dicir amor", conto incluído no libro Os contos da campaña (3), editado pola Xunta de Galicia dentro da VIII Campaña de Fomento da Lectura (1992); Galería de esquecidos de Feliciano Lobelos (colección "Narrativa", Xerais, 1993), relatos; Iniciación á Estética (Xerais, 1993); Política e Sociedade (Xerais,1993); A cor do elefante (Colección Trolebús. Casals, 1994); A princesiña Socorro, o trobeiro Carolo e o demo dos cornos, incluída no volume Sempre no Camiño, do 1º Concurso de obras teatrais inéditas Camiño de Santiago (Xunta de Galicia, 1995); Mandar, obedecer, rebelarse (Xerais,1996); Anxos en tempos de chuvia (colección "Fora de Xogo", Xerais, 1997); e A primeira máquina de fotos (1998).